martes, 3 de marzo de 2020

O MONTE NACE NA ESCOLA DECEMBRO 2019

Continuando co traballo de IES de concienciar ao alumnado da importancia de coidar o monte  esta semana saímos a plantar bidueiros. A tarefa non só nos serve para traballar a concienciación medioambiental senón tamén para ir coñecendo a flora da nosa contorna.

A bidueira, bidueiro ou bido (Betula pubescens) é unha árbore da familia das betuláceas que medra nas zonas húmidas.

O bidueiro resiste condicións climáticas duras, como fríos invernais intensos, ventos e nevadas. É moi resistente a xeadas e alcanza en Galicia cotas non superadas por ningunha outra frondosa, chegando aos 1700 m. O temperamento do bidueiro é de luz, polo que non lle vai ben a cuberta arbórea, ademais de considerarse unha especie de temperamento robusto e colonizadora pouco lonxeva, xa que non excede dos 130 anos.





Seguimos deseucaliptizando

Seguindo os plans marcados no programa "O monte nace na escola", tal como fixemos nos tres cursos anteriores, contando co protagonismo do alumnado do noso centro, fixemos a principios de outubro limpeza no monte arrancando os eucaliptos que nacen. Como sabemos, esta especie "invasora" e pirófita é moi dañina para o noso hábitat e está detrás en bo grao da "industria do lume" que devasta o ecosistema.


miércoles, 10 de abril de 2019

Seguimos sementando, o Monte segue a nacer na Escola

Durante os pasados días continuamos participando activamente no proxecto do “Monte nace na Escola”. Implicación de alumnado, profes, voluntariado, Concello…, todo un movemento de persoas que conscientemente asumen e se compromenten a crear un futuro mellor a nivel ambiental. A natureza sae favorecida e, con ela, o beneficio é colectivo, para o ser humano. Esta iniciativa, como xa sabemos, é ilusionante e moi positiva desde todos os puntos de vista, non só ecolóxico, senón tamén social e mesmo persoal. A idea é garantir un porvir máis saudábel para todas e todos. Un ecosistema máis san. Para isto contribuímos dende as nosas posibilidades, ben replantando castiñeiros no noso monte ou camelias na entrada do Instituto (en xaneiro e febrero), ben participando na gran plantación que fixemos no Monte de Setados.


lunes, 1 de abril de 2019

Plantando Castiñeiros

O xoves 17 de xaneiro parte do alumnado de 1º e 2º ESO participou na sesión de plantación no noso monte de varios castiñeiros.
Agradecemos a colaboración aos profes Chelo e Catonio e á nosa exalumna Alejandra, quen dirixiu os traballos e dou as explicacións oportunas sobre esta tarefa.
É unha mostra máis da nosa implicación no programa "O monte nace na escola" e unha contribución práctica dende o eido educativo a crearmos un ambiente mellor, unha natureza con porvir 


lunes, 25 de marzo de 2019

Inauguración do Graffiti

O martes 11 tivemos  un acto institucional de inauguración do graffiti elaborado polo alumnado de 3º ESO A na entrada do Pavillón. Fomos un dos 10 centros educativos de toda a provincia seleccionados pola Área de Xuventude da Deputación de Pontevedra para a realización desta composición de arte urbana. Desde a nosa perspectiva quixemos que a creación traballada polo alumnado amosase o proxecto "O monte nace na Escola", no que estamos involucrados. Asistiron, entre outras persoas, a Deputada Digna Rivas e o Alcalde das Neves Xosé Manuel Méndez. En nome do alumnado falaron Isaac Patiño e Lucía Barbeitos. Tamén nos dirixiu unhas palabras o profesor de Plástica José Miguel López, ademais do Director.




lunes, 18 de marzo de 2019

Seguimos deseucaliptizando!

O día 22 de outubro moito do noso alumnado e profesorado do centro, seguindo unha actividade xa iniciada o curso pasado, volvemos sair ao noso monte a arrincar eucaliptos. Acompañounos o bo tempo e gozamos dun bo ambiente nesta xornada en defensa da natureza. Teremos que seguir máis veces!
Loitamos contra o monocultivo invasivo do eucalipto. Traballamos pola biodiversidade.
Carballos si, castiñeiros si, faias si, nogueiras si, froiteiras si, bidueiros si, pradairos si...
Eucaliptos non!  É unha peste!



jueves, 14 de marzo de 2019

O Monte nace na escola

O 15 de outubro, no pavillón do Colexio das Neves, convocados polo Concello, xuntámonos a Comunidade Escolar (todos os centros educativos, representantes de país e nais, profesorado, etc) así como representantes do voluntariado para lembrarmos os terribles incendios que asolaron boa parte do municipio. Isto non significa que fose un acto nostálxico, por máis que exercermos a memoria é necesario; foi sobre todo un evento de esperanza, de necesidade para demandarmos colectivamente un cambio nos usos, xestión e produtividade do noso monte, do noso rural.

Queremos o fin do monocultivo do eucalipto. Apostamos pola biodiversidade con especies autóctonas. Pretendemos espallar conciencia medioambientalista e levar á práctica os valores e ideas de defensa da natureza. Neste sentido, tal e como afirmou o alcalde das Neves Xosé Manuel Rodríguez Méndez na súa intervención, a mocidade é a peza clave para esta tarefa tan necesaria de cara a construirmos un futuro mellor. En relación con isto, explicitou o compromiso da Comunidade Educativa en levar adiante un fermoso plan educativo, social e comunitario: “O Monte nace na Escola”. A participación dos centros de ensino, a súa aportación, o seu traballo, contribuirá decididamente a un cambio de rumbo estratéxico e en beneficio das persoas.
Tamén houbo outras intervencións. Ademais do voluntariado, cómpre destacar a presentación e visualización pública do logo coa súa autora, alumna de 5º curso do Ceips das Neves, e tamén a lectura dunhas palabras a cargo de tres alumnos do noso Instituto, que reproducimos aquí.
Polo tanto, noraboa por sementar futuro!
Lumes Nunca Máis!
Fóra Eucaliptos!