martes, 3 de marzo de 2020

O MONTE NACE NA ESCOLA DECEMBRO 2019

Continuando co traballo de IES de concienciar ao alumnado da importancia de coidar o monte  esta semana saímos a plantar bidueiros. A tarefa non só nos serve para traballar a concienciación medioambiental senón tamén para ir coñecendo a flora da nosa contorna.

A bidueira, bidueiro ou bido (Betula pubescens) é unha árbore da familia das betuláceas que medra nas zonas húmidas.

O bidueiro resiste condicións climáticas duras, como fríos invernais intensos, ventos e nevadas. É moi resistente a xeadas e alcanza en Galicia cotas non superadas por ningunha outra frondosa, chegando aos 1700 m. O temperamento do bidueiro é de luz, polo que non lle vai ben a cuberta arbórea, ademais de considerarse unha especie de temperamento robusto e colonizadora pouco lonxeva, xa que non excede dos 130 anos.





Seguimos deseucaliptizando

Seguindo os plans marcados no programa "O monte nace na escola", tal como fixemos nos tres cursos anteriores, contando co protagonismo do alumnado do noso centro, fixemos a principios de outubro limpeza no monte arrancando os eucaliptos que nacen. Como sabemos, esta especie "invasora" e pirófita é moi dañina para o noso hábitat e está detrás en bo grao da "industria do lume" que devasta o ecosistema.